Patricia Sío preséntase por Esquerda Unida á Alcaldía do Porriño cun programa onde destaca a transparencia e a participación da veciñanza do Porriño. Non deixa de lado que poder chegar a acordos para crear un goberno de formacións políticas progresistas e así, "evitar a condena ao desastre absoluto que suporía para o municipio que o Partido Popular se mantivese no goberno os próximos catro anos".
Pregunta (P). Gustaríame coñecer unha breve valoración sobre como foi a última lexislatura no Porriño, unha lexislatura marcada polo cambio de goberno hai ano e medio.
Resposta (R). A valoración que podemos facer positiva non é, nin moitísimo menos. Primeiro, porque houbo un goberno totalmente inoperante, unha desidia e desleixo total e absoluto. O novo goberno que asumiu o poder agora, si traballa, pero sen rumbo e sen planificación de ningún tipo. Pasamos da inoperacia a hiperactividade. Un absoluto descontrol.
Tamén fixemos autocrítica do noso papel ao longo desta lexislatura. Pensabamos que no partido socialista había un mínimo de organización e seriedade e entendemos que agora si cambiaron as cousas dentro desa organización, pero iso foi o que nos levou ao final a que asumira o poder o Partido Popular. Nós estivemos traballando todo o tempo para que houbera un goberno de coalición de esquerdas, non puido ser, e agora, por suposto, dende o noso grupo, imos a por todas.
P. Cree que hai un O Porriño mellor agora que hai ano e medio ou dous anos?
R. Non mellorou, porque o único podemos ver é que o pobo está un pouquiño máis aseado e limpo pero as condicións dos porriñeses e porriñesas non mudaron. Ninguén asume que hai un gravísimo problema de vivienda, ao igual que en todo o país, pero dende o Goberno municipal non fan nada para remedialo. Seguimos co plan de urbanismo de 2003, que xa non vale para nada; o servizos sociais están sobrepasados, faltos de persoal e de fondos; non se fai nada por medio ambiente, somos exemplo de todo aquilo que non se debe facer nun pobo, O Porriño é un desastre a nivel medio ambiental.
Ademais, segue sendo un Concello moi opaco, o era antes e o é agora, ata o punto de que concelleiros e concelleiras non podemos acceder libremente a expedientes de contratación, temos que pedilos ata a extenuación e aínda así non se nos da toda a información que pedimos. Segue a ser un Concello que trata a veciñanza como simples espectadores, todo é un espectáculo e troula continua. A todos nos gusta a festa, pero antes diso temos que ter outras necesidades cubertas, pero nin estaban antes nin están agora.
P. Cales son os seus tres principais proxectos para O Porriño?
R. O primeiro: transparencia e participación. Queremos implantar un sistema, que xa propuxemos varias veces ao Pleno, para controlar a contratación. Todos os autónomos e empresas, sobre todo pemes, teñen que ter as mesmas oportunidades para traballar co Concello, non pode ser que sempre se presenten a traballar as mesmas. Queremos, e urxe, un plan de urbanismo, mobilidade e medio ambiente. Un plan de vivenda, que partiría da modificación do plan de urbanismo, cunha bolsa de alugueiro municipal. Queremos alternativas para á mocidade, aparte do botellón e ter que ir a Vigo, porque aquí non hai oferta cultural. E todas estas cousas parten da transparencia e participación.
Queremos aprobar o regulamento de participación cidadá e empezar a traballar con orzamentos participativos, pouco a pouco. Que a xente vaia decidindo sobre algunhas partidas, primeiro sobre un pequeno apartado de inversións.
Ademais, un plan para a xente maior, para que non sexan tratados como nenos e nenas e se recoñeza o valor da relacións interxeracionais, que podemos aprender todos de todos. Darlle un papel activo aquelas persoas que o desexen e pór en valor as súas habilidades, coñecemos, saberes... Son unha fonte de riqueza que non estamos a desfrutar.
P. Que sería un bo resultado para Esquerda Unida do Porriño o vindeiro 28M?
R. Un bo resultado sería que Esqueda Unida tivera maioría absoluta, pero como sabemos que isto é moi complexo, si queremos que o bloque progresista que teña unha maioría para poder formar un goberno alternativo ao do PP. Desta volta entendemos que hai novas caras, novas intencións noutros grupos afins e estaríamos dispostos, pero co programa na mesa. Non gobernar por gobernar, senón que sexa para algo. Nós témolo clarísimo, sabemos para quen gobernamos e querémolo conseguir.
P. E un malo?
R. Unha maioría absoluta do Partido Popular. Iso condenaría ao Porriño a catro anos de desastre absoluto, a chanchullos continuos, escurantismo, a ter a xente simplemente entretida, a que traballen sempre as mesmas empresas para o Concello, a que aprobe un plan de urbanismo no que prime a especulación e non o ben común. Isto significaría que nos esqueceríamos dun plan de vivenda municipal en condicións, con alugueiros sociais asumibles en función da renda. Sería o desastre absoluto para nós como forza e para o resto de veciños e veciñas.
P. Xa sei que estritamente non é unha competencia municipal, pero que cree que se pode facer dende o Concello para facilitar o acceso á vivenda?
R. O problema da vivenda é un problema a nivel europeo, agravado no Estado español e as competencias legais son as que teñen as administracións autonómicas, no noso caso a Xunta de Galicia. Pero nós entendemos que os Concellos somos instrumento para botar andar moitas políticas sociais. Podemos ter máis solo dispoñible para construír vivenda, reservalo para vivenda de protección oficial e tamén para construír vivenda de titularidade municipal para alugueiros sociais asumibles, iso podemos facelo dende o Concello.
Tamén podemos reclamar na Xunta políticas para que favorezan tamén a vivenda de protección oficial e alugueiros sociais. Mesmo podemos crear a nosa propia bolsa de alugueiro social no que actúe como mediador o Concello entre arrendadores e arrendatarios avalando eses contratos, no caso de que, polo que sexan, os arrendatarios non podan asumilo, o propietario poida ter unha garantía do cumprimento das obrigas do contrato.
Tamén podemos controlar toda vivenda que hai baleira, instar ao remate de certos edificios que están sen acabar por unha serie de cuestións económicas ou irregularidades urbanísticas que poderíamos mirar de tratar de subsanalas.
P. Cando vai conseguir O Porriño a supresión do paso a nivel?
R. Esa é a pregunta do millón. Porque aquí, dende que eu teño memoria, cada vez que hai campaña electoral, sempre van a quitar o paso a nivel. Pero veñen uns, pasan outros, xa pasaron de todas as cores, pero o paso a nivel seguímolo tendo. Hai un proxecto de soterramento, pero aínda non está pechado. Houbo un cambio de goberno, o novo alcalde quedou en pedir unha reunión de toda a corporación, ou a lo menos de voceiros, coa representación do Adif para que nos expliquen polo miúdo que prazos hai, todos os pormenores do tema e nada. Non fala con claridade, non hai información, un día di unha cousa outro día di outra.
Temos un alcalde que é un relacións públicas. É moi simpático, super agradable, un encanto, pero nas distancias cortas. Logo, en reunións institucionais, non da a talla. Nós non necesitamos un relacións públicas, queremos un alcalde, ou alcaldesa neste caso, que dea o que ten que dar e que non se poña de perfil. Nós pedimos, xunto con outras forzas, que ese proxecto inicial que ía soterrar uns 300 metros, se duplicala a extensión, porque xa que se fai, que se faga ben e que nos deixen en condicións o casco urbano. E o alcalde non fixo absolutamente nada. Vai as reunións de un pouquiño de máis alto nivel e non dá a talla. Necesitamos alguén na Alcaldía que non se achante, que teña o que hai que ter, porque para iso te presentas a unha Alcaldía, para liderar a representación da veciñanza.
P. En materia cultural e de ocio, cales son as principais propostas de EU SON O Porriño?
R. A primeira é que necesitamos un auditorio xa. Pero nós diferimos no concepto de auditorio. Queremos un auditorio como un espazo polivalente, multiusos, non un “mamotreto” que ao mellor custe millóns e millóns de euros pero non sexa versátil.
A parte, queremos crear espazos para a mocidade, locais máis pequenos multiusos, que hai unha chea de deles baleiros, para que eles poidan levalos de maneira autoxestionada, supervisados as veces pola administración local, pero tamén que se vaian acostumando a autoxestionarse que está moi ben. Que fagan alí as súas reunións, os seus ensaios, onde poidan facerse ciclos de cine, de música e temáticos.
Queremos ter xa unha escola municipal do teatro e dos monicreques, pero xa para quedar. Ademais, sacar todo o rendemento que se poida aos torreiros das festas, que entendemos que son uns espazos onde tamén se poden facer circuítos culturais e de entretemento para todas as idades, sendo un xeito de integrar as parroquias e o casco urbano. Agora as actividades culturais, as poucas que hai, localízanse totalmente no centro do pobo e entendemos que non debe ser así, que no centro do pobo debe haber, pero que case todos os días debe haber axenda cultural en todo o concello.
Ademais, tamén colaborar coas asociacións de veciños que xa existen, os distintos centros culturais e para iso tamén queremos activar un sistema transparente, claro e conciso nos criterios de subvencións tanto ás asociacións como clubs deportivos e outros colectivos. Agora non existen tales criterios, digamos que vai todo así, de favor, e realmente non se sabe porque algunhas asociacións lle dan máis cartos e a outras menos, tamén seria un tema a traballar.
P. Se vostede é alcaldesa o vindeiro 28M, que proxecto ou plan ten para Villa Florida?
R. Sabemos que se encargou unha taxación, descoñecemos o importe desta, porque miramos o decreto, ninguén nolo dixo. Pensamos que pode ser un enclave multifuncional como espazo de exposicións, lugar de reunións e demais e, como ten bastantes metros na parte do xardín, poderíase tamén desenvolver actividades ao aire libre.
Todos estamos de acordo de que ten que ser de propiedade municipal e debería abrirse un proceso participativo con todos os colectivos para ver como abordar o tema, pero si como algo multifuncional para distintas xeracións, maiores e pequenos. Agora so temos o centro cultural e o espazo para exposicións ou actividades quedase pequeno.
P. Como é O Porriño que se imaxina Patricia Sío de dentro de catro anos?
R. Espero que sexa un O Porriño cun novo plan de urbanismo e mobilidade, con parques e xardíns, máis e mellores para todas as familias. Con comedores escolares en todos os centros de ensino, porque temos un problema tanto de educación nutricional como de desigualdade, xa que hai nenos e nenas que non están a facer as comidas en condicións. Isto sería un xeito de igualar, que ninguén se sinta discriminado e que as familias teñan a tranquilidade de que os seus fillos teñen unha comida garantida.
Un O Porriño que deixe de ser unha vergoña en medio ambiente, que se converta en referente cultural e que se reconcilie coa natureza, cunha boa rede de transporte interurbano e un O Porriño que forme parte xa, porque xa teña botado a andar, a nova área metropolitana de Vigo, porque, a través disto, podemos garantir mellor os servizos públicos básicos.
Unha das primeiras medidas que abordariamos na Alcaldía sería empezar a estudar a remunicipalización dos servizos públicos. Un dos primeiros, porque a situación é insostible, sería o servizo da asistencia no fogar a persoas dependentes. Hai 60 mulleres que están en condicións de semiescravitude atendendo aos coidados da dependencia, as familias ven que as súas persoas dependentes tampouco son atendidas en condicións e que estamos en mans das empresas adxudicatarias. Aparte de que sería moito máis barato para o Concello, poderiamos ter a máis persoas contratadas, formando parte da plantilla municipal e dar un traballo de coidados dignos. Que, ao final, se está como está, é porque estan feminizados tanto os coidados na casa como a plantilla, ese traballo contrátase normalmente a mulleres, porque esas condicións nunca as aceptaría persoal masculino. Xa non é simplemente por tema de solidariedade coa clase traballadora, neste caso coa plantilla, senón tamén por feminismo, porque os traballos de coidados hai que dignificalos.
Por aí comezaría os nosos traballos de remunicipalización, pero logo está o tema do lixo ou que pase a ser totalmente público o ciclo de xestión da auga, a limpeza diaria, as conserxarías das distintas instalacións municipais, as piscinas... E por aí suma e segue. Evidentemente non se fai en catro días, haberá servizos que sexa mais complexo, pero ninguén abordou un plan deste tipo. Nos plenos todas as forzas nos dicían que iso non se pode facer e si que se pode facer porque hai experiencias de éxito noutros municipios como Zamora, Pamplona, Astorga...
P. Que se xoga O Porriño o vindeiro 28M?
R. A parálise, as políticas cutres e que nos traten como menores de idade. Iso é o que nos xogamos, o nosos futuro e a defensa do público. Porque catro anos máis co Partido Popular é iso: Que ninguén nos defenda ante outras administracións, que todo sexa festa, tratándonos como menores de idade, parálise absoluta e que o Concello sexa simplemente unha oficina de reparto de contratos. Desenténdense de todo, contratando todo por fóra e a empresa fai como ben lle parece, moitas veces "torean" ao alcalde, non cumpren prazos nin condicións e logo presentan a factura e cobran. O Concello non é unha oficina de distribución de contratos, ten que ser algo máis. Iso é o que nos xogamos.
Los operarios apuran la instalación de los elementos que forman el idílico mercado la Navidad de Vigo, el Cíes Market
Ningún secreto se guarda mejor en Vigo que la fecha del encendido de las luces de Navidad. ¿Cuándo será?
Caballero anuncia que ya comenzó la tramitación urbanística de un ámbito que incluirá zonas verdes y una plaza pública
¿Tienes un negocio en Vigo y te apasiona la Navidad? Puedes participar en este concurso para sorprender a tus clientes y llevarte un gran premio
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL