Poesía, ilustracións en area e música encheron este venres a sede de Vigo da Deputación para celebrar o Día de Rosalía cun acto multidisciplinar conducido pola actriz Mónica Camaño, e para o que a Deputación contou coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Os poemas “Gradación” e “Odias a poesía” de María Lado resoaron na sala Rosalía de Castro, ao igual que a melodía de cello en mans de Margarida Mariño, que interpretou temas de composición propia. De xeito simultáneo, o artista multidisciplinar Marcos Escudero elaborou en directo unha ilustración en area coa técnica ‘sand painting’. Ademais, o escritor Xavier Queipo foi o encargado de ler o manifesto da AELG deste ano, do que é autora a filósofa, ensaísta, profesora e política Carme Adán.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, puxo en valor a Rosalía de Castro, unha autora “que é o faro de todas e todos nós e que non pertence a ninguén porque nos pertence a todas e todos as galegas e galegos”. Carmela Silva asegurou que a Deputación reivindica “a Rosalía defensora da cultura e da lingua galegas, a Rosalía forte, poderosa e ergueita, a Rosalía defensora tamén do seu pobo, da súa xente, a Rosalía libre e feminista”. Indicou que “Rosalía púxolle palabras ao sentir dun pobo e estaba orgullosa de Galicia”, por iso, remarcou, “celebramos a esa Rosalía que mantén inalterábel a súa capacidade de poñernos en pé como pobo”. Carmela Silva tamén salientou a vixencia que mantén Rosalía de Castro 138 anos despois do seu falecemento: “Fainos reflexionar de forma crítica sobre os grandes temas que nos afectan como sociedade”.
Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, lembrou que “Vigo foi a capital e o berce editorial de Rosalía e Murguía, é a cidade onde naceron ‘Lieders’ ou os ‘Cantares gallegos’ e, desde logo, houbo un antes e un despois da celebración dos 150 anos desta obra aquí na cidade olívica”.
A deputada de Lingua María Ortega destacou que o pasado día 21 de febreiro foi o Día da Lingua Nai e celebrou que esa data e a do nacemento da autora estean tan próximas. “As coincidencias ás veces acontecen por algo. Para nós Rosalía é a nosa autora de referencia. Axúdanos a construír a nosa identidade e un proxecto de país. Ela é de todas e todos nós”, dixo. A deputada salientou o traballo de posta en valor da autora nos actos institucionais da Deputación e nas actividades que se fan de maneira continuada da man da Fundación Rosalía de Castro, e a AELG. Lembrou, de feito, que os actos seguirán o resto do ano co programa ‘A súa casiña, o meu lar’ para centros de ensino de Primaria e Secundaria, aos que se sufraga a entrada, visita e transporte de alumnado á Casa da Matanza para coñecer máis de Rosalía. Tamén destacou a exposición ‘Nasín cando as prantas nasen. O herbario de Rosalía’, que estará en abril no vestíbulo do Pazo Provincial. Por último, Ortega deu as grazas e os parabéns ás compañeiras do departamento de Comunicación Institucional por deseñar para a efeméride unha imaxe que amosa “a Rosalía que nos gusta, reivindicativa, forte, feminista, e que crea pensamento dende a súa obra”.
Pola súa banda, a deputada de Cultura, Victoria Alonso, sinalou que “Rosalía de Castro foi unha muller que loitou para abrirse un oco nun mundo no que ás mulleres non se lle cedían espazos”. Puxo en valor o legado de Rosalía, que “nos transcende e nos transcenderá porque nos representa a nós e tamén o moito que queremos a nosa terra ata o punto de que unha e outra, Rosalía e Galicia, converxen e se converten na mesma cousa”. Ademais, agradeceu o alumnado e profesorado participante no concurso ‘A Nosa Rosalía Feminista’ por “sementar as bases para que as nenas e nenos de hoxe sexan homes e mulleres implicadas e implicados na construción dun mundo mellor, un mundo do que Rosalía de Castro estaría moi orgullosa”.
No acto de Vigo tamén se entregaron os premios da categoría ‘Airiños’ (de 4º a 6º de Primaria) do concurso escolar ‘A Nosa Rosalía Feminista’, no que a rapazada tivo que elaborar interpretacións feministas de Rosalía, en forma de colaxe, recollendo palabras e versos ou representacións da súa figura a partir da reciclaxe, con papeis, cartóns, telas e obxectos ou elementos tridimensionais. Os centros premiados foron o CEIP Plurilingüe Souto - Donas de Gondomar (aula de 6º), que recibiu o 1º premio, e o 2º premio para o CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro de Vigo (aula de 6º B). Os centros gañadores recibiron un lote de libros (neste caso para todos os centros participantes), un obradoiro creativo de reciclaxe (para a 2ª mellor colaxe) de Vaciocero, e un contacontos sobre Rosalía (para a mellor colaxe) a cargo de Raquel Queizás.
O público asistente ao “Día de Rosalía” organizado pola Deputación en Vigo recibiu exemplares da camelia Rosalía de Castro e dos libros “A conversa expansiva” (de Álvarez Cáccamo) e “Dicir unha illa” (do seminario de tradución poética da illa de San Simón), da Colección Cíes da editorial da institución provincial. Ademais, tamén se fixo entrega á Fundación Rosalía de Castro, representantes da AELG, á condutora, artistas e centros premiados no concurso “A Nosa Rosalía”, de azulexos artesáns coa silueta e versos de Rosalía de Castro procedentes dunha serie limitada elaborada por Lucía Ares da firma ‘Coas Mans Artesanía’ (Silleda).
Reivindican a "excelsa calidade" da obra de Ledicia Costas, "unha das máis lidas e premiadas do panorama literario galego
Josefa, que actuó con artistas como Manu Chao, Cristina Pato o Susana Seivane, fue una de las líderes del movimiento musical y cultural 'Bravú
Concibió a su hija como un proyecto para crear a la mujer del futuro, Hildegart, quien fue niña prodigio de la República
La cita busca consagrase como el mayor festival de cine de Vigo y uno de los pocos eventos dedicados al séptimo arte que existen en la ciudad
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL